Un total de 65 nadadoras procedentes de 16 clubs nacionais participarán en Ferrol no XII Campionato de España Xuvenil de Verán de Natación Sincronizada-Trofeo Asisa, que se celebra do 28 ao 30 de maio no polideportivo municipal Javier Gómez Noya de Caranza. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Manuel Santiago, no acto de presentación deste novo evento deportivo que contou coa presenza do presidente do Sincro Ferrol, José Picallo, e do presidente da Federación Galega e responsable de Sincro da Federación Española de Natación, Carlos Touriño.
A competición iniciarase este venres ás 09.00 horas cos adestramentos con música e continuará coas eliminatorias de equipos e a representación das figuras. Na xornada do sábado terán lugar as eliminatorias de dúos e solos e as correspondentes finais de dúos e combinados. Finalmente, o domingo desenvolveranse as finais de solos e equipos e arredor das 12.30 horas está previsto o desfile e entrega das medallas ás gañadoras, que dará paso aos entrenamentos do equipo nacional junior de natación sincronizada.
Tal e como avanzou o presidente do Club Sincro Ferrol, José Picallo, tres nadadoras do dito club participarán nesta competición: Carla Lagoa, María Corral e Vanesa Altonaga. O resto das participantes son integrantes de diferentes clubs procedentes de Cataluña (Granollers, Mataró ou Kalipollis, de Barcelona), Madrid (El Retiro e Canoe), Sevilla (Natación Sevilla) ou Canarias (Metropol), entre outros. Todas elas ofrecerán un espectáculo de nivel tal e como destacaron os organizadores do campionato, que ao igual que o edil Manuel Santiago invitaron aos cidadáns a achegarse ata Caranza e ver as exhibicións que realizáran as nadadoras. E ao fío disto, o edil de Deportes pediu de antemán disculpas ás persoas que acoden habitualmetne á piscina de Caranza toda vez que esta permanecerá pechada ao público a partires de mañá, xoves, pola tarde.
Pola súa banda, tanto José Picallo como Carlos Touriño agradeceron ao Concello de Ferrol e concretamente ao Patronato Municipal de Deportes a súa colaboración para o desenvolvemento deste campionato contribuíndo a que Ferrol fose finalmente a sede elixida para a súa celebración (Madrid, Sevilla e Granollers competían tamén por ela).