O mal tempo reinou na tarde de onte, pero a pesares da choiva e do vento o público asistente puido presenciar unha bonita proba, a 3ª Competición promoción Slalom, que se celebrou en Ponte Arnelas, Ribadumia e da que resultou gañador na clasificación por clubes o Clube Os Teixugos de Goián, mentres que o Piragüismo Dumbría quedaba de subcampión e o Val Miñor de terceiro clasificado.
O vicepresidente segundo da Federación Galega de Piragüismo e responsable da modalidade Augas Bravas/ Slalom, Quique Portela, destacaba o interesante que resultaba este percorrido, “un circuito de doce portas cheo dun gran atractivo tanto a nivel deportivo como de visualización”.

Na entrega de premios destacou a presenza da alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, que non se quixo perder o evento. Acompañábana o concelleiro de Deportes da localidade, Jorge Abal, o presidente do Club Náutico O Muíño, José Manuel Vázquez e o propio Quique Portela.
Desde o club anfitrión e organizador, Náutico O Muíño, quixeron destacar a axuda recibida para a organización desta proba por parte de Protección Civil, o Concello e os propios rapaces das outras categorías do clube.
O próximo domingo día 16 de maio Ribadumia voltará a ser a protagonista absoluta de cara ás competicións de piragüismo, posto que terá lugar a XVI Baixada ao Umia.
